Luns 24 Outubro 21:00h Fundación Seoane   

COMBATE DE VÍDEOS ENTRE O SHOW E A CHARLA

Entrada libre e de balde ata completar aforo.

A VR! non é máis (nin menos) que unha regueifa ao máis puro estilo tradicional, na que o virtuosismo da palabra cantada trócase por vídeos da rede.

FKM organizou en 2013 o primeira Vídeo-Regueifa!: un evento híbrido entre o show e a charla; irreverente en forma e lúcido en contido, onde creadores e comunicadores dialogan sobre o Cinema Fantástico, de Terror, de Ciencia Ficción e a Cultura Popular.

A VR! é un duelo de videoplaylists: 2 invitados preparan unha selección de vídeos de internet ao redor dun tema proposto. Os relatores proxectan os seus vídeos de forma alternada, como nun combate por asaltos.

Ok E cal é o tema? “Extraterrestres de Aquí e de Alá”

Extraterrestre é -por definición- toda cousa ou forma de vida que vén do espazo exterior. O concepto de extraterrestre-ou alieníxena- inspirou algunhas das criaturas máis xeniais e psicotrónicas da ciencia-ficción.

Temos gravados na retina todo tipo de extraterrestres: marcianos cabezóns con pistolas de raios, aliens asasinos, ovos de alien, aliens de Todo a 100, extraterrestres riquiños, alieníxenas canón con cara de lagarto, mamotretos OVNI que desintegran a Casa Branca, selenitas, gorilas-robot invasores, venusianos, vulcanianos, predators, esporas asasinas, entes enerxéticos que falan con nenos por telepatía, atrocios mutantes conxelados no xeo …

Pero ollo! que tamén hai extraterrestres do planeta Terra: Iluminados, flipados, celebritis bizarras, estrelas do pop galáctico, mamarrachos, folclóricas transxénero, habitantes de Raticulín, cosplayers “die hard”, famosos de medio pelo enganchados ao botox…en definitiva, toda esa caterva de terrícolas que non parecen deste planeta :)

Prometémosvos unha  antoloxía de extraterrestres bizarros (de casa e de fóra) sacados de pelis de ciencia ficción (da serie B á Z…e máis aló), series, debuxos animados, parodias, anuncios, videoblogs, docus, vídeos porno, programas da TV, videoclips, infocomerciales, informativos, vídeos amateur…etc etc etc. até que vos estoupen os miolos.

02_manel-craneo-selfManel Cráneo (A Coruña, 1973). Artista multidisciplinar de ampla bagaxe, comezou o seu periplo profesional a principios dos anos 90.  Como autor de cómic publicou numerosos álbums e centos de páxinas súas apareceron en infinidade de publicacións. Como ilustrador traballou para Richmond Publishing, Santillana ou Everest entre outras moitas editoriais. A súa obra foi exposta en España, Portugal, Francia e Cuba. Entre os seus premios destaca o Nacional de Cómic sobre Vida e Obra de Federico García Lorca (Selecta, 1998). É tamén director e propietario de Demo Editorial.

01_john_tones_selfJohn Tones (Murcia, 1976) é o pseudónimo habitual de Pedro Berruezo. Escritor, guionista e diletante en termos xerais, pasou as dúas últimas décadas escribindo en medios como Fotogramas, Público, La Vanguardia, eldiario.es, Verne, GQ, Superjuegos, FHM, Marca Player, Playstation Revista Oficial, Games TM, etc.. Escribiu varios libros sobre cinema e coordinou durante máis dunha década o proxecto Mondo Píxel. Autor da novela Nigromancia no reformatorio feminino, coeditor na microeditorial Prosa Inmortal, codirector da película Círculo Interno e xura que esta si que si que é a última vez que o tenta.

jagermeister-solo-texto_transparente