Mércores 26 Outubro 18:00h CGAI

Entrada libre e de balde até completar aforamento.

Primeira longametraxe de Guillermo Julián e Román Santiago, dous mozos que decidiron investir o que aforraran para un máster en cumprir o seu verdadeiro soño: dirixir unha película. Rodada nun polígono industrial de Bilbao cun orzamento pequeno para a media do cinema español, familiares e amigos axudáronlles a construír os decorados e conseguiron unha factura que nada ten que envexar ás grandes producións.

A película xa foi exhibida no Festival de Cinema Fantástico de Bilbao e no Nocturna, festival de Cinema Fantástico de Madrid. Nela participan actores tan coñecidos como Natalia de Molina (Vivir é fácil cos ollos pechados, Teito e comida), Celso Bugallo (Mar adentro, Los lunes al sol) ou Santi Ugalde (Allí abajo, Vaya semanita).

Guillermo Julián e Román Santiago Pidre son Licenciados en Comunicación Audiovisual e co-fundadores, xunto a Ander Barinaga-Rementeria, da produtora Bagoa Pictures. Guillermo traballou como asistente de cámara e axudante de fotografía. Tamén é fundador da produtora Rúa Falsa 123 Producións. Santiago, co-fundou o selo discográfico Son Raparigo, do que foi coordinador do departamento audiovisual. Traballa como auxiliar de dirección de películas, videoclips, publicidade e series de televisión e dirixiu varias curtametraxes. Rendezvous supón o debut de ambos na  dirección de longametraxes.