Venres 28 Outubro 12:00 FÓRUM

Entrada libre ata completar aforo

O papel e a situación das mulleres no mundo do audiovisual será posto sobre a mesa por cinco creadoras que aportarán as súas propias experiencias e reflexións sobre o tema.

Emma Lustres. Funda en xaneiro do 2003 a produtora audiovisual VACA FILMS STUDIO S.L. co obxectivo de converterse nunha produtora cinematográfica con base en Galicia (España) capaz de desenvolver e producir proxectos de calidade e éxito comercial destinados ao mercado nacional e con alta capacidade de internacionalización. Nun esforzo por estar presente nos principais foros do sector, Emma Lustres forma parte das Xuntas Directivas de AGAPI (Asociación Galega de Produtores Independentes), de AEC (Asociación Estatal de Cinema) e de FAPAE (Federación de Asociacións de Produtores Audiovisuais Españois). Éxitos como; Celda 211, El niño, El desconocido, Cien años de perdón, Secuestrados o Lobos de Arga, son só algunhas das películas que produciu.

Olga Osorio. Directora, produtora, montadora e guionista. É profesora de Dirección de Fotografía na facultade de Ciencias da Comunicación de Coruña e de Realización na Escola de Imaxe e Son. A súa primeira curta de ficción, ReStart (2015), foi seleccionado na sección oficial do festival de Sitges e en numerosos festivais internacionais. Con el obtivo tamén o premio ao mellor director galego no 43 Curtas Filme Fest. É tamén a directora dos vídeos musicais Buscando a Superfama (2015) (Mestre Mateo 2016, mellor videoclip en Cans e premio Crea 2016 á mellor dirección de videoclip) e Garden’s Road (2014), polo que entre outros galardóns obtivo o Mestre Mateo en 2015.

Xisela Franco é cineasta e investigadora, cunha ampla traxectoria no documental e o cinema experimental. Licenciada en Comunicación Audiovisual e posteriormente en Filosofía pola UEM. Fundou a súa produtora Epojé Films, que realiza documentais para TVE, TVG ou Canle Historia, á vez que películas con vocación artística. A súa obra recibiu premios e percorreu galerías e festivais internacionais. Recentemente obtivo a subvención de Talento Audiovisual Galego que outorga Agadic, e o Premio ao Mellor Guión Galego no Festival Curtocircuito edición 2015, por “Cruz Piñón”. En 2016 creou e dirixiu o proxecto “Cinema e Muller”, con Beli Martínez á produción; un conxunto de accións que pretenden visibilizar o cinema feito por mulleres en Galicia.

Alexia Muiños. Graduáse como directora e guionista na escola CECC en Barcelona- con profesores como Jose Luís Guerín, Luís Aller e Michel Gaztambide- e grazas a unha bolsa de estudos, completa a súa formación en Nova York. Actualmente traballa en distintas facetas do mundo audiovisual e do teatro, realizando videoclips e reportaxes ademáis de películas de ficción. Compaxina o seu traballo como directora coa docencia. O seu estilo foi valorado como íntimo e moi persoal, próximo á expresión poética. É directora adxunta de European Women’s Audiovisual Network. A súa próxima película, As troitas cantan ao mencer, rodarase no 2017 e o proxecto foi distinguido coa axuda de Creative Europe e o apoio de Agadic.

Beli Martínez. Produtora, profesora e investigadora, licenciada en Comunicación Audiovisual e Publicidade pola Universidade de Vigo, Beli Martínez é unha das fundadoras de ovocinemagalego.info, unha web que ten por obxectivo visibilizar un cinema feito en Galicia e que, malia no entrar nos  circuítos comerciais, está a obter grandes éxitos nos certames e festivais internacionais. Productora de películas como Arraianos de Eloi Enciso o Vikingland de Xurxo Chirro. En 2016 produciu o proxecto “Cinema e Muller”, con Xisela Franco á dirección.